Ficción sonora

Audioguía ficcionada de Vilanova de Lourenzá

Data de estrea: 11-08-2022

Unha creación Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Este traballo non tería sido posible sen a colaboración de Manuel Román e o apoio de Rocío López, Manuel Arango e MAría José López.

NOVO PASEO AUTOGUIADO!

A Mariña Lucense foi pioneira en activar audioguias ficcionadas como recurso turístico para visitar os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Agora dáse continuidade ao proxecto, ampliando o seu alcance a contextos diferentes dentro do seu territorio.

As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada destino, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

Propoñemos un paseo autoguiado polas rúas de Vilanova para coñecer polo miudo as historias que se foron tecendo desde a fundación do mosteiro de San Salvador no século X polo Conde Santo. A voz que nos acompañará e guiará neste paseo é a de Francisco Fernández del Riego, intelectual galeguista clave para entender o desenvolvemento da cultura galega no século XX, que naceu e viviu os anos de mocidade na casa familiar da Praza de Linares Rivas, asistindo á escola no vello edificio do Mosteiro e brincando por toda a contorna da vila. Botando man da súa memoria coñeceremos a igrexa e os claustros monásticos, o Cantón e fonte da Rá, o Principal Cinema, o muíño de onde marchou á emigración o pai da poeta uruguaia Juana de Ibarborou, a Ponte de Pedra e a escola de Doloriñas que pintou Julia Minguillón, a rúa principal co seu comercio e tráfico de autobuses de liña, o lugar no que emboscaron e tirotearon ao guerrilleiro antifranquista O Gardarríos...

    • Punto de saída: Oficina de Turismo/Centro de Interpretación da Faba (Praza de Cesar Chavarría)
    • Punto de chegada: Praza de Linares Rivas
    • Distancia: 1.000 m.
    • Duración: 38 minutos.
    • Dificultade: baixa.

Podes descargar o son nesta ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/audioguia-ficcionada-de-lourenza

Toda a información das audioguías ficcionadas da Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/gl/audioguias-ficcionadas