Ultranoite #111
- En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Mónica García, Arantza Villar, Carlos Santiago, Borja Fernández, Manuel Cortés, Manuel Cebrián, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Diego Anido, Iria Pinheiro
- Comunicación: Xana García
- Produción: Inés Portela
- Fotografía: Iria Pinheiro
- Técnicos: Fidel Vázquez, Xurxo Pinheiro
Coa colaboración do Liceo de Noia e Deleite.
Desta volta a Ultranoite farase no Liceo de Noia, que nos ofrece un magnífico salón de baile para gozar dela como debe ser: con mesas, servizo de bar e na mellor compañía que cada quen queira. Coa Ultranoite comezará o DESEMBARCO CHÉVERE, o noso xeito de celebrar en ruta os 35 anos da compañía que se cumpren este ano e que ata o mes de decembro decorrerá en distintos lugares con actuacións, libros e exposicións.
A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro e moito máis perto da realidade.
Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é un fenómeno único na historia recente da producción cultural galega.
Nesta ocasión contaremos con : Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Arantza Villar, Mónica García, Borja Fernández, Carlos Santiago e Diego Anido, coa colaboración especial de César Goldi, Tito Asorey e Iria Pinheiro..
PARA IR EN BUS Á ULTRANOITE
O Ultrabús está pensado para as persoas que queren vir á Ultranoite dende Santiago, pero non teñen coche ou prefiren non collelo.
O Ultrabús sairá ás 21h. da Rúa da Rosa, en Santiago, do mesmo sitio onde saen os buses para Milladoiro. Fará unha parada en Bertamiráns, na Praza da Mahía, con saída ás 21,20h. E chegada á Noia nas proximidades do Liceo.
Dez minutos despois de rematada a Ultranoite, o Ultrabús sairá de Noia de volta para Santiago, con parada en Bertamiráns e chegada á rúa da Rosa.
Para mercar entrada+bus: ao seleccionar os teus asentos aparecerá unha pestana co tipo de entrada, xeral ou entrada+bus. Escolle a que queiras.
Entradas aquí