Teatro

Ultranoite no País dos Ananos

Data de estrea: 11-04-2014

Unha produción Chévere coa axuda da AGADIC e o Concello de Teo

Javier Villán
El Mundo, 26 novembro 2014
Un premio bien otorgado



En xaneiro de 1993 empezaron a facerse as Ultranoites na Nasa, ao mesmo tempo que a Xunta de Galicia inventaba un alter ego para incoporporarse ao futuro, o Xacobeo, surfeando sobre a marea de subvencións que chegaban da Unión Europea.

A Galicia xacobea e a Ultranoite medraron en paralelo sen cruzar nunca os seus camiños. Por unha chegaron cartos ao chou, autovías, aeroportos, universidades, polígonos industriais, paseos marítimos, portos exteriores, auditorios, campañas publicitarias, fundacións de todo tipo e mesmo unha Cidade da Cultura que permanece en ruinas como símbolo dun país de ananos que quixo ser xigante. Mentres, a Ultranoite mergullouse en canles subterráneas onde o único alimento era o humor, a risa, a perrallada.

Agora, 20 anos despois, aproveitando este silencio temporal da Galicia xacobea, facemos unha paradiña no camiño da Ultranoite para botar a vista atrás con rencor, amargura, mala hostia e moita retranca e certificar musicalmente sobre o escenario a nosa derrota. Galicia segue imparable na súa perda de identidade. E a Ultranoite desborda personalidade.

O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo enfermo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Diante deles nós somos simples aprendices. 

Esta Ultranoite no Pais dos Ananos ten un estómago e un corazón. Co estómago na man fixemos uns sketches inzados de tópicos, chascarrillos e lugares comúns para ceibar unhas risas cómplices. A corazón aberto ofrecemos unha presa de músicas e cancións sen lugar para esperanza, pero dun lirismo, unha beleza e unha contundencia incomprensiblemente arrebatadoras. E xuntando estómago e corazón cun aire decadente deberiamos obter un cabaré nihilista construído para rírmonos da indiferencia dun pobo diante da súa autodestrución.