Teatro

Ríobravo

Río Bravo, un lugar do (nor)Oeste, á saída dalgunha revolta, onde os homes son homes e as mulleres... tamén. Un musical trepidante que agota por fin os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se encontrou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade. Unha magnífica demostración de creación colectiva.

Río Bravo converteuse nun dos espectáculos de referencia do teatro galego do último terzo do século XX tanto pola transgresión de xéneros (western, musica) e linguaxes (commedia dell'arte, cine, teatro físico, clown) como pola súa capacidade para interesar a públicos de todas as idades e procedencias. En tres anos acadou as 200 representacións por todos os recantos do país e incursións e xiras por España, Portugal e Brasil. O sum-flaca-flaca é unha onomatopea que xa forma parte do vocabulario teatral galego e que lembran milleiros de espectadoras de varias xeracións. O disco coas músicas e cancións da obra é xa un obxecto de culto para coleccionistas.