SoundpaintingTeo
- En escena: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar, Borja Fernández, César Goldi, Roberto C.Goday
- Idea e creación: Chévere
- Dirección: Xacobe Martínez Antelo, Patricia de Lorenzo
Un proxecto creado por Chévere como compañía residente do concello de Teo, feito en colaboración con ASPAMITE e con participación de Vega, Raquel, Rocío, Rosa, Patricia, Saúl, Juan, Manuel, Mari, Gerardo, Patricia, Iria, Vanesa, Alba e Cristina.
SoundpaintingTeo é un proxecto desenvolvido por Chévere dentro da súa residencia escénica en Teo para promover prácticas de integración social entre institucións, colectivos e persoas do concello e conta coa participación de Aspamite (Asociación de Pais e Nais de Persoas con Diversidade Funcional do Concello de Teo).
No ano 2016 Chévere creou un colectivo estable de improvisación aplicando a técnica do Sound Painting, unha linguaxe universal de sinais para a composición multidisciplinar ao vivo. Combinando o adestramento continuo e as prácticas con público, o colectivo de Soundpainting Teo funciona como un obradoiro de integración social a través da creatividade compartida. A base desta orquestra de improvisación está formada por persoas procedentes de ASPAMITE e de Chévere. Durante os anos 2017 e 2018 participaron ademais persoas doutras asociacións veciñais e culturais do concello, o propio equipo de goberno municipal e un grupo numeroso de instrumentistas da Banda de Teo.
A linguaxe do Sound Painting está formada por máis de 1.200 xestos que son utilizados pola persoa que asume a función de Soundpainter (composición en tempo real), para indicar o tipo de material que desexa dos membros da orquestra. Trátase dunha linguaxe accesible a todo tipo de persoas e non require ningún coñecemento previo, pois utiliza múltiples elementos de aprendizaxe (verbal, visual, auditivo, kinestésico) para explorar a creatividade, recorrendo a calidades innatas e a expresións que axudan ás participantes a comprender o mundo no que viven e a si mesmas.