XARDÍN UTOPÍA
Coa participación do alumnado de 2º de bacharelato do IES Camilo José Cela de Padrón: Alejandro, Alona, Antía, Camile, Carla, Crislane, Elena, Emma, Iria, Luismi, María, Marta, Nerea, Nico, Paula, Rocío, Samuel, Sandra, Uxío, Yoli. E do grupo sénior de Voluntariado Padrón: Agustín, Dora, Emilio, Espe, Manolo. Obradoiro impartido por Andrea López (Feitoría Verde) e Xron (Chévere). Un agradecemento especial a Lois Magariños e Pilar Lorenzo.
“Somos criaturas da terra. Os procesos que nos poñen en contacto coa vida da terra teñen en sí mesmos algo que nos fai felices. Cando cesan, a felicidade que produciran permanece.” Bertrand Russell
Como peche do obradoiro desenvolvido ao longo dos últimos meses, propoñemos un paseo polo Xardín Botánico de Padrón, un paseo distinto do habitual porque invitamos ás persoas paseantes a establecer unha relación entre as árbores do parque e as utopías. Escollemos este xardín porque se trata dun espazo singular e un espazo común, que se conservou durante máis de 150 anos. Representa un legado que cada xeración traspasa á seguinte no mellor estado posible e funciona como metáfora do planeta, pois suma especies de distintos lugares do mundo.
O domingo 8 de maio ao longo de todo o día, a xente que se achegue ao Xardín Botánico deberá buscar uns códigos QR colocados ao pé dalgunhas árbores e descargalos no móbil. Así poderá escoitar as mensaxes de voz que as persoas participantes no obradoiro (un grupo de 2º bacharelato do IES Camilo Joé Cela e un grupo sénior de Voluntariado Padrón) deixaron á sombra das árbores que escolleron. Unhas son desexos de futuro persoais, outras son textos sacados do libro “Utopía” de Tomás Moro, publicado no século XVI, no que se usa por primeira vez a palabra Utopía. Con esta acción quérese reivindicar a nosa capacidade para imaxinar futuros mellores e desexables, nun momento no que se impón a distopía como pensamento único.
Ademais, entre 12,30h. e 14h. no mesmo xardín haberá tres espazos de conversa e debate para responder as preguntas sobre o cambio climático que a xente queira trasladarnos:
- Saídas de emerxencia! Conversa guiada pola Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), sobre a situación actual do cambio climático.
- Amañando o mundo! Conversa guiada polo Movemento Galego polo Clima, sobre o que podemos facer para frear o cambio climático.
- Viaxe ao Padrón tropical. Conversa guiada polo grupo Resclima-USC sobre as consecuencias do cambio climático.
Imaxinar un futuro sostible que poida inspirar os cambios necesarios para superar o cambio climático é o obxectivo deste novo proxecto realizado en colaboración entre o grupo Chévere, a cooperativa Feitoría Verde e o SEPA (Grupo de Investigación en Educación Ambiental da facultade de Pedagoxía da USC). Baixo o título “Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles”, o proxecto busca mellorar a educación ambiental, traballando con persoas de distintas xeracións para imaxinar un futuro desexable. Trátase dun traballo financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso dentro da convocatoria “Componer Saberes 2021”, xunto con outros trece proxectos seleccionados.
A primeira experiencia desenvolveuse en Padrón, coa colaboración do concello e do IES Camilo José Cela. Durante este curso 2021-22 realizouse un obradoiro con participación de 20 rapazas e rapaces de 2º de bacharelato do instituto e 6 persoas maiores de 65 anos do grupo de voluntariado do concello. Para o seguinte curso 2022-23 o proxecto desenvolverase en Pontevedra e Arzúa.