Roteiro dos Corgos guiado polas Fillas Bravas
- En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar
As Fillas Bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta percorrendo o noso país á procura de aldeas orgullosas de selo e con historias que paga a pena contar e compartir.
Unha delas é Penelas, no concello de Teo. Aquí a veciñanza xuntouse na Asociación Trinxidoiro, para dar boa conta do valor e a riqueza oculta que atesouran estas terras e converterse en axentes activos na recuperación e mantemento do patrimonio natural, cultural e etnográfico.
As Fillas Bravas súmanse a este esforzo colectivo e actuarán como guías dun roteiro desde a Fonte das Seixas ata a aldea de Penelas, por un sendeiro que vai de par do rego de Moldes, amosando e comentando coa súa retranca habitual tanto os usos e aproveitamentos tradicionais da auga mediante corgos, muiños, lavadoiros e fontes, como certos costumes e ritos dun pasado non tan afastado.
Saída: Fonte das Seixas, xunto ao cemiterio municipal de Montouto (Rúa Fonte Xesteira, 1, 15894 Teo, A Coruña)
Distancia: 1,5 km.
Duración: arredor de 90 minutos
A participación nesta actividade é de balde pero hai que anotarse a través do formulario en liña na axenda da web municipal premendo aquí. No caso de que as solicitudes excedan o número de vagas, daráselle preferencia á veciñanza do concello de Teo.
Datas e horas: domingo 13 ás 12h. e 17,30h. / venres 18 ás 17,30h. / sábado 19 ás 12 h. e 17,30h. / domingo 20 ás 12h. e 17,30h.
Organiza: Concello de Teo
Colaboran: Asociación Veciñal Trinxidoiro e Asociación Cultural A Regionalista.
As Fillas Bravas é un proxecto do Grupo Chévere creado en Teo no ano 2014, dentro do programa de compañía residente. Intérpretes: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar.