Audiovisual

A Viaxe dos Chévere

Data de estrea: 14-11-2014

Unha produción da Redenasa.tv e Chévere coa axuda da AGADIC. Participou en festivais e centros de arte como Cineuropa (Compostela), Márgenes (Cineteca Matadero Madrid), MIT Ribadavia, MARCO (Vigo), CGAI (A Coruña), MITCFC (Cangas), Escenas do Cambio (Compostela).

Non hai datas programadas


Ver anteriores datas
Agora en Filmin

A Viaxe dos Chévere é un achegamento filmado ao traballo e á vida dun grupo de cómicos. A través dunha mirada moi persoal e poética, Alfonso Zarauza narra o desterro da compañía de teatro Chévere, expulsada da súa cidade en 2011 por un político corrupto, e a súa loita de resistencia para seguir mantendo a liberdade sobre o escenario despois de tantos anos. Unha loita e unha traxectoria que lle valeron a Chévere a concesión de Premio Nacional de Teatro no 2014. Unha película que fala da irracionalidade do poder e a cordura das artes, da volatilidade da acción política e a perdurabilidade do traballo creativo. Un filme que acredita na veracidade da ficción, nas illas flotantes, nos cabalos filósofos e nos cabarés nihilistas.

Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron ao grupo Chévere no seu traballo diario mentres ensaiaban en Teo a Ultranoite no País dos Ananos, un axuste de contas satírico e musical coa Galicia dos últimos 25 anos. A película aliméntase e usa tamén o arquivo audiovisual que a Sala Nasa xuntou ao longo de 20 anos (1992-2011), que se converte nun personaxe fundamental do relato, como unha crónica feita a carón da súa desaparición, ocorrida en 2011.